Friday 03 de May de 2024

As bibliotecas dos centros socioculturais comezan novo curso co obxectivo de fidelizar e gañar novos lectores e lectoras


As bibliotecas da Rede de Centros Socioculturais inician un novo curso co obxectivo de consolidar e ampliar os clubs de lectura, e de incrementar a súa presenza na cidade a través de diferentes accións transversais. O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou hoxe a programación dos vindeiros meses, acompañado pola responsable técnica do servizo, Lupe Rodríguez.

Xan Duro explicou que a biblioteca José Saramago da Rede de CSC “non se limita ao préstamo de libros, senón que debe traballar para achegar a veciñanza á lectura, e tamén á escrita, con diferentes actividades educativas e lúdicas”. O concelleiro incidiu en que a programación “tén tamén un marcado carácter socializador, porque estas bibliotecas deben axudar a formar comunidade, do mesmo xeito que o fan os centros socioculturais dos que forman parte”.

Propostas para atraer novos lectores e lectoras

As bibliotecas dos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, Santa Marta, Ensanche e Cidade Histórica, agrupadas baixo o nome de Biblioteca José Saramago, márcanse o obxectivo de fidelizar aos seus usuarios e usuarias e atraer novos públicos. Por iso, unha das novidades do novo curso será a elección do lector ou lectora do ano, en cada sala de lectura da biblioteca e nas categorías de infantil e adulto. Haberá diferentes agasallos para quen acade esa distinción, nunha acción que quere servir de estímulo para potenciar a lectura entre a veciñanza.

Nesa mesma liña, a Rede traballará para sacar as bibliotecas á rúa, de xeito que se poidan coller e deixar libros no exterior de cada centro, e tamén se incrementarán as actividades de bookcrossing, liberando volumes para que os veciños e veciñas os atopen polas rúas.

Máis clubs de lectura e accións transversais

Outra das novidades deste curso será a creación de novos clubes de lectura e escrita, en concreto un de adultos no centro sociocultural de Vite, e un infantil no centro Maruxa e Coralia da cidade histórica. Deste xeito, a rede suma dez clubs de lectura para adultos, tres deles en Santa Marta, dous en Fontiñas, outros dous no Ensanche, un en Conxo e outro en Vite; e tres clubs de lectura infantís, en Conxo, Santa Marta e no centro Maruxa e Coralia da cidade histórica. A eles súmanse catro clubs de escrita creativa.

Tamén se reforzarán as accións transversais na programación. Así, celebrarase por primeira vez nas bibliotecas o Mes da Ciencia, en novembro, con obradoiros, visitas e conferencias. Tamén se fará un esforzo especial en torno ao Día das Letras Galegas para contribuir á posta en valor da figura de Luisa Villalta; e prevense actividades vencelladas a diferentes efemérides como o Día de Rosalía, o Día do Libro Infantil e Xuvenil, o Día da Banda Deseñada ou mesmo o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as mulleres. Ademais, organizaranse diferentes visitas, entre elas algunhas que son un éxito todos os anos como a da casa de Rosalía en Padrón.

Tamén se mantén o programa “12 meses, 12 libro”, que conta xa con case 90 persoas usuarias que completan o seu pasaporte de lecturas recomendadas ao longo do ano.

Rede consolidada

As bibliotecas José Saramago da rede de Centros Socioculturais contan na actualidade con case 6.000 usuarios. No curso pasado, entre setembro de 2022 e o pasado mes de xullo, entregáronse 437 novos carnés, e realizáronse 13.756 carnés. A rede conta con máis de 53.000 volumes catalogados.